O pasado 21 de maio o noso compañeiro e responsable da sección, Moda na Rúa, Juanma Lodo, presentou no Festival de Cans a súa primeira curtametraxe: “Do soño o esquecemento. O Túnel do Tranvía de Mondariz a Vigo.” do que é director. Tamén formaron parte do seu equipo, Daniel Goyanes e Iria González, antigos membros de Proxecto-ds, os que quero felicitar dende aquí por ter feito un gran traballo.

“Do soño o esquecemento” fala do soño dun home, Don Henrique Peinador Vela, que quería achegar o progreso abrindo Mondariz ó mundo vía Vigo. Un home cun proxecto que merece a pena ser recordado hoxe.

Tamén o pasado mes de maio, viu a luz o esperado segundo disco de Projecto Mourente, no que Carlos Valcárcel obsequia os nosos ouvidos con novos sons baixo o nome de “Kara·o·ke”.

Capas do disco

Un compendio de cancións electropop hedonistas, que se todavía non bailache, non poderás deixar de facelo en canto descargues o disco de balde de A Regueifa Plataforma ou tamén podes mercalo por tan só 9 euros. 10 cancións, 1 versión e 3 remixes moi adecuados para a tempada estival de longas noites de baile sen fin.

Grazas a Carlos por confiar en nós para supervisar técnicamente as capas do disco que el mesmo deseñou; un pracer.

E por último gustaríanos compartir con vos, un artigo que limos na revista do Reino Unido, Wallpaper*; unha das revistas de referencia mundial no eido do deseño. O artigo está publicado no número do pasado mes de abril. O tema do artigo en cuestión é Sargadelos.

O artigo titulábase “Clay station” e nel os británicos presentaban ós seus lectores de xeito resumido a historia da que posiblemente é a empresa máis innovadora de Galicia por tradición e traxectoria.

Imaxe da revista Wallpaper

Repásase como Sargadelos se foi adaptando a cada tempo e como se foron sucedendo as propostas creativas dende o comezo do Laboratorio de Formas de Luís Seone e Isaac Díaz Pardo, até as actuais incorporacións como a da deseñadora Laura Lucio, procedente da tamén empresa galega, Zara Home. Xunto coa incorporación da xove deseñadora fan un repaso a colaboracións existentes entre Sargadelos e outros deseñadores españois e internacionais que están creando para a empresa galega.

Xullo do 2008